domingo, 25 de novembro de 2018

Excursión Parque Periurbano de San Roque


Xa tivemos a primeira saída deste curso. Coa escusa do lema “A nosa cultura enriquécenos”, que vai vertebrar a temática de todas as actividades, fomos visitar os restos do noso patrimonio.

Días antes, nas aulas, estivemos falando sobre os restos arqueolóxicos: mámoas, dólmenes, castros... que nos podemos atopar pola nosa comarca. Tamén conversamos sobre a/as función/s das diferentes construcións e de como vivían os nosos antepasados.

Aproveitando a localización privilexiada do noso colexio saímos andando para gozar da natureza tendo como destino o Parque Periurbano de San Roque. Durante o paseo puidemos observar os cambios que se producen coa chegada do outono, ver diferentes árbores e plantas e ata fixemos unha parada nun antigo lavadoiro.

Xa no parque, visitamos as pallozas e falamos sobre o Castro da Cidá que está próximo. Tras unha pequena merenda para repoñer forzas, gozamos de xogos na natureza na compaña dos nosos compañeiros.



Foi unha saída moi emocionante, sobre todo para os pequenos de 4º de infantil, xa que foi a súa primeira saída desde que están no colexio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario