domingo, 25 de novembro de 2018

Obradoiro de sopro


Un aspecto moi importante para gozar dunha boa saúde e ter unha boa capacidade pulmonar. A xestión do sopro inflúe en moito aspectos do desenvolvemento, pero un dos máis importantes ten que ver coa fala e a articulación das palabras.

Para exercitar os nosos pulmóns e aprender a xestionar o sopro organizamos un obradoiro moi divertido.

Leváronse a cabo diferentes actividades como: recorrer un circuíto cun coche de xoguete, facer pompas de xabón, soprar bolas de papel...


O obradoiro foi moi divertido para os pequenos/as, mentres que sen darse conta estaban contribuíndo ao seu desenvolvemento.











Xa se achega o Samaín...


Bruxas, sapos e curuxas... O samaín está ao caer.

O Samaín xa se achega, e en Infantil xa nos estamos a preparar. Unha das lendas do Samaín ten moito que ver coas bruxas. Por iso, nestes días fixemos unha bruxa (que da pouco medo) que cada neno/a decorou como unha actividade de presentación deste festexo tan galego.


Chega o outono


Coa chegada do outono non so quixemos decorar as aulas, se non que tamén po corredor de Infantil.
Por iso, elaboramos un cartel con temática do outono; frío, choiva, caída das follas... que decoramos practicando diferentes técnicas plásticas.



Quedou fermoso, esperamos que vos guste a todos/as.

Excursión Parque Periurbano de San Roque


Xa tivemos a primeira saída deste curso. Coa escusa do lema “A nosa cultura enriquécenos”, que vai vertebrar a temática de todas as actividades, fomos visitar os restos do noso patrimonio.

Días antes, nas aulas, estivemos falando sobre os restos arqueolóxicos: mámoas, dólmenes, castros... que nos podemos atopar pola nosa comarca. Tamén conversamos sobre a/as función/s das diferentes construcións e de como vivían os nosos antepasados.

Aproveitando a localización privilexiada do noso colexio saímos andando para gozar da natureza tendo como destino o Parque Periurbano de San Roque. Durante o paseo puidemos observar os cambios que se producen coa chegada do outono, ver diferentes árbores e plantas e ata fixemos unha parada nun antigo lavadoiro.

Xa no parque, visitamos as pallozas e falamos sobre o Castro da Cidá que está próximo. Tras unha pequena merenda para repoñer forzas, gozamos de xogos na natureza na compaña dos nosos compañeiros.



Foi unha saída moi emocionante, sobre todo para os pequenos de 4º de infantil, xa que foi a súa primeira saída desde que están no colexio.

Follas do outono


Quixemos festexar a chegada da nova estación: O OUTONO.


Por iso, a través dunha manualidade elaboramos a imaxe máis representativa do outono; a caída das follas das árbores caducas.

Durante os días previos falamos sobre as cores típicas do outono, o marron, amarelo, laranxa... para que cada neno/a escollese o que máis lle gustase para pintar a súa folla con témperas.

Despois de recortalas, elaboramos unha coroa con elas. Quedaron fabulosas!!

Apañando castañas


Coa chegada do outono propuxémonos facer a primeira excursión do curso. Non fomos moi lonxe pero foi toda unha experiencia.
 
Saímos das aula e camiñamos ata a parte baixa do patio dos maiores onde o cole ten unhas árbores que producen o froito estrela da festa do magosto que pronto chegará: A CASTAÑA.


Os días antes estivemos falando nas aulas da árbore que da castañas, así como do seu froito, xa que ten unha envoltura moi particular.

Ademais levamos unha sorpresa, xa que ao lado dos castiñeiros tamén hai unha nogueira e atopamos tamén unha boa morea de noces.


 

sábado, 24 de novembro de 2018

Xogamos coas letras


Unha das mellores formas de xogar coas letras é co propio nome. Os de 6º de infantil nos primeiros días estivemos recordando como se escribe o propio nome xogando coa plastilina.
 
 
 


Foi moi divertido e pasárono en grande.

luns, 19 de novembro de 2018

Coñecendo o colexio


Nas primeiras xornadas do curso tivemos moitos xogos para coñecer aos novos compañeiros/as e reencontrarnos cos que xa coñecíamos.
Pero non so tivemos que afacernos aos compañeiros e profes, se non que tamén ás novas aulas e ás que imos empregar neste novo curso.

Por iso, realizamos pequenas excursións por todas as dependencias do colexio; espazos xa coñecidos polos membros da tropiña maiores e novas para os recen chegados.



Benvidos!






Queremos darvos a benvida a todos e a todas. Aínda que un pouquiño tarde comezamos co carrusel de actividades e publicacións deste curso 2018-2019.

 
Desexamos que sexa todo do voso agrado!!